11 enero 2007

Cultura popular

Por adelantado, mis disculpas a los no lectores de gallego natos. Algunas historias están demasiado vinculadas al idioma. Este guión tiene un estilo mucho más libre de los que suelo hacer. Bueno, en la variedad está el gusto, ¿no?
;)

CULTURA POPULAR

Páxina un

Roldán é un pícaro de seis anos, está aprendendo a ler na escola. Ten moitos amigos pero o mellor, o mellor de todos é Candela. Aínda que non llo pode dicir a ninguén porque deseguida se poñen a dicir que son mozos e non o son. Que os mozos sempre andan a pelexar e a tirarse dos pelos os uns ós outros. Non son mozos, non.
A Roldán non lle gusta o fútbol, pero papá é do Celta de Vigo. Di que é do Celta porque non lle gusta ser do Depor, pero eles vivir viven en Lugo, porque o papá ten unha granxa de porcos, galiñas e vacas. E un tractor. Tamén ten un tractor. O tractor gústalle moito a Roldán, porque vai a modiño pola estrada e pode guindarlle croios ás rodas sen que lles faga mal. E tamén pode ir polos campos do millo cando a recolleita e subir ás árbores cando o pai, e a nai, e os do xornal (que non son xente que fala nos tilididariospartes, que son xente que ven dun sitio moi pobre moi pobre, como cando eran novos os bisavos a Galiza, pero que se chama Romonamía) andan a apañar nas patacas. Como o pobo está moi lonxe da escola, que está alí en Lugocapital, vai e ben no autobús, co resto dos rapaces. E come na escola. O que máis lle gusta a Roldán é “invintar”.

Páxina dous:

Roldán e máis Candela baixan do autobús, nunha rúa asfaltada pero de aldea. Alí non hai ninguén para recollelos, non é coma na cidade que pais, nais, avoas e ate niñeiras están aquí e acolá para termar das crianzas. Ademáis aquí casi nunca pasan coches e os da aldea coñécense os uns ós outros así que , para que? quen lles ía facer mal?
De camiño para a casa, Roldán e Candela andan a falar das súas cousas mentres pasan por diante de casas de pedra abandoadas nas que xa non vive ninguén desde fai anos.

Roldán (mirando para Candela): sabes que?
Candela (mirando para o chan, para unha pedriña solta no camiño que pronto vai sufrir unha patada dela): o que?
Roldan: di o meu avó que onda os ingleses hai un monstro dentro dun lago que se chama Ness.

Seguen camiñando, parecera que estivesen nun pobo pantasma do Oeste pero con temática galega.
Candela: e logo viuno?
Roldán (encolléndose de ombreiros, ofendido porque ela pensa que está de leria): E nono ía ver,oh!

Candela segue a darlle patadas á pedra, semella un tanto arrepentida por ter dudado de Roldán pero non o vai dicir, porque ... porque non, bah. Que non é ela nena de non ter razón.
Candela: e que?
Roldán (mirando para o ceo, non con aire soñador senón con aire testán): Que
Roldán (linked): Pois que heino ir de buscar cando medre
Roldán (linked): e matalo

Chegan á porta da casa de Candela, unha casa semellante ás outras só que habitada. Coa portada de cor verde escuro, burato para o buzón, número, frores na fiestra dafora (que é a da cociña), un cadelo á porta que brinca ó redor dos rapaces, etc.

Candela: Vaiche boa! E que che fixo o animaliño ese se pode saber?


Páxina tres:

Roldán ráñase na cabeza, confuso pola pregunta.

Roldán: Pois tamén é verdá. Igual só vou pra velo.
Candela: Millor farías, oh. Millor farias.
Nai de Candela (dende fora da viñeta): Candela! Pasapadentro!

Roldán emprende o rumbo para a súa casa, retomando o traballo de Candela de darlle patadas á pedra. Mentres o fai vai pensando en escenarios incríbles nos que el é un cabaleiro inglés (non se ve o Roldán maior, senón o Roldán tal e como é pero “disfrazado” da sua visión de inglés) e toma o té co monstro do lago Ness, despois colle a espada da Dama do Lago e o final é o Rei do Mundo e maís das Americas onde viven os tíos do Brasil.

A última viñeta é Roldán xa dentro da cociña da casa (cociña moderna, dentro da casa de pobo, pero con cociña económica) e o pai. De feito, como a cámara está nivelada co Roldán, só se ve un trozo de pai (como a nanny nos teleñecos).

Pai: Ola, Roldán. ¿Xa andas a invintar?
Roldán: Ola papá! Ando. Dixo a mestra que cando medre, pódome adicar a invintar. Apunto os contos nun papel...

Plano aberto á cociña de Roldán, onde está o pai sentado nunha mesa mirando para a televisión. Na tele poñen un programa horrendo tipo Salsa Rosa. Roldán non fai caso do televexo, mira para o pai e ten os brazos separados, encolléndose de ombreiros e coas palmas das mans para arriba, como se estivese explicando algo obvio.

Roldán: e xastá!
Pai (mirando para o televexo): Cala, home cala. Qué vas saber ti?


Páxina catro:

Roldán mira fixamente o dedo do pai, que sinala para o televexo.

Pai: Cando medres ti tes que ser algo de proveito. Avogado, ou economista. Non un trapalleiro como eses que salen firmando libros coma señoritos no paseo de Madrid. Ou futbolista, que esos tamén gañan a hostia de cartos.

Roldán non parece moi convencido.

Roldán: ou gaiteiro!

O pai xírase cara el, con cara de moi moi mala hostia.

Pai: Deixa de dicir parvadas. Gaiteiro, como esos jipis. Ti médico, ou avogado. E pasa estudiar que é o que tes que facer! E a chupar do estado que os demáis non van dar un duro por ti.

Roldán non parece un neno feliz. Parece un vello de corenta anos atrapado no corpo dun neno. O plano vaise achegando á súa cara, que perde cor, expresividade... en definitiva, soños e confianza no que el fai.

Pai (desde fora da viñeta): Que este país está cheo de pailáns. A ver se aprendes a facer algo de proveito. Ti non vales pra outra cousa. Estudia, mira pros libros. E de maior funcionario!

No hay comentarios: