06 enero 2012

Un dedo manchado de tinta

Retomo, non sei durante canto tempo, esta idea de ir facendo reseñas das obras que vaia lendo. De seguro que non falarei de todas, pero, con certa probabilidade, parareime con algunhas que me teñan marcado de xeito especial.

   A primeira da que quero falar é "Un dedo manchado de tinta" de Manuel Portas. De entrada, este libro ten, para min, un cariz de dulzura, de importancia e de non poder ser remplazado nunca, por mor das marabillosas persoas que mo regalaron polo meu aniversario e o home marabilloso que llo aconsellou. El ben sabía, sen saber das miñas tendencias literarias, que ía ser un libro que me gustara, aínda que, ben advertida por el, tomeino con calma (a razón da calma dareina ao final).
    Manuel Portas xa me conquistara no verán con "Denso arrecendo a salgado", recomendación da sabia e, moi, moi modesta, camiño longo, e gustara moito das súas micro-historias, micro-contos dentro dunha trama argumental xeral que, máis ben, parecía un mcguffin para nos falar da historia persoal duns cantos compañeiros de SEXTO LETRAS e a súa búsqueda da felicidade. Aínda que ámbalas dúas coincidiamos en que eses personaxes estaban moi, moi sos.
     "Un dedo manchado de tinta" volta a ser unha non-novela. Non podo falar moito dela, e unha destas obras que, para decir o básico, dis cousas de máis. Pero é unha novela feita de contos, de seis contos que, como na anterior do mesmo autor ou en moitas de Fran Alonso, teñen algún nexo de unión entre eles. É unha novela de personaxes, de situacións nas que prima a visión do humano, do sentimiento e, tamén, en moitas ocasións, nas que se fala moito, ou se sinte moito, esa soidade da sociedade actual e esa soidade, esa morriña, tan propia do noso querer e entender galego. Pero, sobre todo, sobre todo o que poida dicir nesta breve reseña, é un libro moi apto para todos aqueles que escriban ou que, coma min, escriban para pasar o tempo e porque lles gusta estar acompañado de historias, da palabra escrita. Para aqueles que, sentados nun bar, son quen de mirar para alguen e inventar todo un universo ao seu redor, ou, sequera, unha chamada telefónica. En fin, un bo libro que ben merece ser lido aínda que, como se di pola blogosfera, estando en galego e non sendo LIX, sexa un libro que non lle interesa a ninguén.

O peor: a primeira edición, a que está agora nas tendas, está plagada de erros, tanto gramaticais como ortográficos. Paciencia, mozos, paciencia.

2 comentarios:

Marina dijo...

Despois de ler a obra, asistir á presentación da mesma e coñecer a Manuel Portas, tiven intención de escribir algo. Funo deixando porque xa dixera varias cousas no coloquio. Alégrome de que o fixeses ti porque as recomendacións da xente nova chegan máis lonxe.

O de sabia chégame á alma, pero non che é así.

AnnaRaven dijo...

Tamén dixen modesta, será por algo ;)