04 febrero 2012

A Casa da Xuventude

    A Casa da Xuventude de Ourense foi o lugar onde pasei a meirande parte do meu tempo libre entre os 15 e os 18 anos.  E despois, como todos, seguín indo.
    Non é doado explicar hoxe en día, pero lembrarédelo os que a coñecedes, a sensación de liberdade e de agradecemento que podías sentir cara a un edificio no que, no último andar, había unha discoteca, co significado literala, unha colección de discos e cds que podías empregar como biblioteca. Durante 10 días dispuñas de ata tres cds para ti so! E así eu escoitei a Nirvana cando me deu a gana, Guns'n'Roses (aínda que xa tiñan certa sona de rancios, daquela), Pearl Jam, Smashing Pumpkins, Patti Smith, Led Zeppelin, The Doors, Stone Roses, e moitos, moitos outros... Como tamén puiden disfrutar da desaparecida CIMOC, ler a biografía de Frank Miller, e abastecerme de todos os xornais que precisaba  para os traballos do instituto.
      Pero os servizos da Casa non paraban aí. Nas tardes de lecer podías aprender fotografía, podías pertencer a asociacións ecoloxistas, podías aprender a xogar ao xadrez, coñecer aos grupos de rol, xogar a baloncesto e futbol-sala ou pasar o tempo nas distintas salas do lugar, onde as paredes estaban pintadas con murais evocadores de mundos fantásticos.
     Por se fora pouco, a sala de audivisuais, esa sala na que había una televisión inmesa cando todas eran pequerrechas e de raios catódicos, estaba á nosa libre disposición -todos os días- para ver DRAGON BALL Z e cantar co Xabarín (Morcego..tararán, tarara  Morcego...cando te vas namorar?).  Ninguén o pedía, ninguén o dicía, pero todos sabiamos que era lóxico deixar os sofás como estaban, deixar o primeiro limpo cando festexabamos as nosas celebracións nos venres, ou coidar as cadeiras e mesas de plástico da terraza cando, chegado o bo tempo, saiamos a falar do divino e do humano.
     E, rodeados de libros, discos, e subcultura social coma estabamos, cada ano chegaba Maio, o gran Maio de Ourense, o gran Maio da Casa, co concurso de fotografía, as conferencias, as exposicións... ¡canto aprendido neses días, canto aprendido tamén a través dos concursos de Banda Deseñada! Que delicia, pasados os anos, asistir á conferencia de Teddy Kristianssen e sentirse entre amigos, de novo! Ou os catálogos dos concursos de relatos e de fotografías, o teatro Universitario na sala multiusos da entrada,  as xornadas lúdicas, os campeonatos de cidade... E agora, que pouco se pode dicir máis do que xa se dixo sobre a morte de Benito, vexo na Praza Pública, que a nosa Casa está a ser destrozada, usurpada por mercaderes, desposeída do espíritu de fogar da Xuventude Ourensá e da cultura e deporte que sempre foi.  A verdade é que podería dar renda solta á miña imaxinación e plasmar a miña opinión máis sincera, máis visceral e descarnada sobre este tema pero, agora, tras ler a nova, só podo citar as palabras dun querido amigo e concentrar todo ese sentimento nunha única expresión: pais de moros!

1 comentario:

Rodriques dijo...

Anna, estoy tratando de contactarte y no lo consigo.
Ponte en contacto conmigo si lees esto anda!

Un abrazote

Paco Rodríguez