28 abril 2012

Feira do libro en Santiago de Compostela

Levo unha catarreira encima que válgame o demo! Falan desta cicloxénese explosiva pero eu penso que, cada vez, este país, este pequeno país coma dicía unha persoa moito máis lida, interesante, e intelixente ca min, estase cada vez parecendo, máis e máis, ao meu pais. En Abril, o tempo cambia, e chove moito. O das tormentas, mal que a algún lle pese, a min non me molesta tanto, e iso que non gusto moito de levar o paraugas ás costas (eso facíao meu avó, levar o paraugas ás costas, literalmente, así que esa expresión sempre me fai sorrir, sobre todo en dias coma hoxe que chove, e dentro das casas, malia calefacción central e todas esas lerias, vive unha humidade perpetua que se pega á pel e arrefría o espíritu), e ademais, xa facía falla que chovera! Que chova, que chova e que chova e que quedemos na casa un anaquiño máis a ver se, deste xeito, pensamos no que nos está a caer, ademais da chuvia, por encima das cabezas, e lle poñamos algún remedio.

Sexa como sexa, dame algo de mágoa, eso si, que chova para a feira do libro. Sendo, coma fun, familiar de libreiro, entendo que a chuvia na feira do libro é un baixón bárbaro, como tamén o é que faga un sol de carallo (homenaxeando a Reixa agora que gañou as eleccións á presidencia da SGAE) e nesta Galiza Caníbal, a xente que precisa de lle daren un empuxoncillo para leren, só vai a este tipo de celebracións do libro se o día acompaña, que se está moi bo hai que ir á praia e se está moi malo, mellor quedar a tomar un café pola zona vella (que non é cousa mala, non, mais pódese facer en calquera momento do ano) ou ficar na casa, amparado pola calefacción central da que antes xa falabamos. Aínda así, hai algúns que, pese á pouca publicidade que nestes días se lle está facendo, comparado con outros eventos sociais e culturais, ao parecer, de maior importancia (cousa moi discutible) saben que a Feira lo libro se está a celebrar estes días porque lembran, con bo criterio, que os libreiros adoitan a se xuntar e expór as súas mellores galas no paseo da Alameda da cidade compostelá como preludio ao día da nai, para que os fillos, olvidadizos coma somos, non esquenzamos agasallar un libro a aquelas que nos ensinaron a ler, e o pracer da lectura, e teñamos onde escoller sen ter que centrarnos na compra da última hora na xoiería de turno ou aos tan socorridos caraveis encarnados.  E más mágoa me dá ver a escasa presenza de librerías na Feira do libro, probablemente (e digo probablemente porque tiven a sorte de ver as miñas sospeitas respaldadas pola opinión dun xove empresario da letra escrita galego) polo alto prezo que se ten que pagar para disfrutar dun posto nesta galería das letras.


Se nos fixamos na nova da inauguración da feira, nova que eu seguín a través do marabilloso Dioivo, so sete librerías se achegaron a esta cita (Pedreira, Brañas, Brea, Cartabón, Pedreira, Para Soñar), ademáis da presenza dunha editorial (Urco- da que podedes ver a fotografía do stand na ligazón da nova de Dioivo, coa inquedante imaxe do prolífico H.P.Lovecraft presidindo, e as obras dos mellores compañeiros de viaxe que unha poida ter, cubrindo o mostrado á espreita de que alguén lles dé un bo fogar- preferiblemente alguén con ganas de pasar un bo anaco lendo). O resto corresponden a stands de corte institucional, coma o da biblioteca Ánxel Casal (que é unha das mellores do estado, non me cansarei de dicilo). Sabendo que falo xa coma o "Abuelo Cebolleta" eu voto en falta moitas librarías, e lembro outras feiras do libro en Santiago, mesturadas co estudo incansable cara os futuros exames universitarios de Xuño, que había que empezar moito antes, señores, si que había que facelo, nas que os stands non só eran moitos, senón que eran moitos e traían todos, todos eles, material de calidade, e material moi, moi diverso. E o mellor, o mellor de todo, nin sequera era ver o colorido dos diversos libros, coma flores, cubrindo ese paseo da Alameda, senón falar cos libreiros, compartir as súas experiencias, escoitar as súas voces e deixar que che abrisen novos camiños de lectura polos que, sen a súa axuda, endexamais pensarías en acabar. E con isto non digo que os que estean non sexan bos faros neste mar de ofertas literarias, senon que a pluralidade é necesaria, e que cantas máis opinións haxa maís rica é unha conclusión e máis e mellor se forxa o panorama cultural dunha terra, dun pobo, dunha persoa ou dun proxecto de persoa en forma de neniño de tres anos. 



Por todo o dito, coido que a choiva que hoxe acompaña é testemuña da tristura que produce ver unha Feira tan soa, tan aillada, nos que só os últimos bastións, os resistentes, os baluartes da expansión cultural, os que loitan pola cultura, permanecen alí, en pé, agarrados a un café con leite para levar e sen escatimar sorrisos aos posibles clientes, en comparanza coa festa da literatura que adoitaban ser as Feiras do libro. De nós depende que, coma galegos e picheleiros que somos (sodes) fagamos desta choiva poesía e lles agradezcamos, como merecen, esa resistencia ante a crise, a desazón e as inclemencias metereolóxicas, pasándonos por alí, saudando, mirando, mercando se o peto e as finanzas no lo permiten ou, sinxelamente, aprendendo e mirando que camiños novos podemos seguir, que mundos imaxinarios nos ofrecen os autores de hoxe e de sempre, e lembrándoos para despois, para cando os cartos nos acompañen ou, se non é problema de cartos, o faga a forza e sexamos, por fin, cabaleiros Jedi e bos lectores, que bos e xenerosos xa sei que somos.



Para rematar, engado esta posdata fora de "tempo" e ritmo, na que vos lembro que a feira do libro tamén engloba actividades organizadas, na súa maioría, polas editoriais e que, xunto coas que podedes ver citadas na nova do Dioivo, este domingo haberá unha xuntaza da man de Urco para tratar temas da nova Fantasía galega á que, por desgraza e polo catarro este do que falaba antes, coido que non poderei asistir, pero que, de seguro, será moi interesante.

1 comentario:

Marina dijo...

Os que resisten merecen que os visitemos. Mirando os libros apréndese. Se mercamos, aforramos ,polo desconto que nos fan, e imos tendo connosco os libros que nos van acompañar no verán. Eu hei de visitar a de Ourense.