21 agosto 2012

The f***ing amazing Summer Trip

Non hai moitos modos de describilo e, despois do silencio acadado neste blog, coido que tampouco sería que de facelo con todo detalle. Esta é unha captura de pantalla do itinerario que seguimos na nosa viaxe, excluíndo a viaxe de Porto a Toronto e de Toronto a St Louis, o primeiro destino do noso periplo polos U.S.A. (que, como vedes, sendo o destino A, coincide co destino E)






En total, 31 días, moitas aventuras e moita pasta (que non choro, porque foi moi ben invertida) para realizar unha tolería das que sempre dis que vas facer cando es mozo e, poucas veces, pensas que podes convertir en realidade.

Non ten sentido decir que o pasamos ben, claro que o pasamos ben! Nen que houbo momentos de baixón e que houbo algunha decepción, eso, supónselle a calquera viaxe. Así que, neste caderno público, falarei dalgún retazo, dalgunha pincelada das que me marcou nesta viaxe, e deixarei que a amalgama de distintas experiencias se asente no meu subconsciente e, como a cotío acontece, decida que o mellor será empregalas pasado un tempo, en relatos e exercicios da escrita que non pasan de simples borradores.

Saint Louis, Missouri:



    Esta non era a viaxe que planexabamos ao principio, nós, ao principio, pensaramos en voar de Toronto a Nova Orleáns e seguir ata o norte, e despois ao leste, para acabar en Nova York. Pero Saint Louis tiña un segredo oculto, St Louis tiña a Chuck Berry, e tiña a un Chuck Berry que, cada mes, no Blueberry Hill (un enorme restaurante-hotel do Loop da cidade, na rúa principal da movida universitaria) dá un concerto cunha banda formada, principalmente, polos seus fillos, Chuck Berry Jr e a súa filla (da que non lembro o nome, pero que toca a armónica estupendamente ben e ten unha voz maravillosa). Así que, como comprenderedes, había que ir ver á lenda e así decidimos cambiar todo o plan, aprendimos que había unha tal route 61 que  ía de Chicago a Nova Orleáns e que era considerada como a ruta de peregrinación do country, jazz e blues e, obviamente, tivemos que seguila!
     A chegada a St Louis non foi demasiado accidentada, tendo en conta que para esta volta andabamos cun coche alugado e sen GPS, e só estivemos o tempo xusto para ir ao concerto. O Blueberry hill é, impresionante. Auténtico, esa é a palabra que máis empregamos eses días, auténtico, é un bar americano que está decorado dese xeito surrealista e ecléctico porque é o que lle gusta ao seu dono, que non é unha cadea, que non copia nen bebe de nada que non sexan as súas propias referencias e no que, rodeados dese sentimento de "aquí a música sempre foi importante e sempre o ha de ser" fai que as bandas que tocan nel soen a "fogar" e soen incriblemente ben.




Obviamente, o gran Chuck tiña teloneiros, pese a que a imaxe non é en HD neste caso, para os curiosos, velaquí vos deixo un video de BLUES +, a banda que precedeu á lenda nesa noite do 18 de Xullo na que cumprimos un soño que endexamais pensaramos que fora a tornarse en realidade...

video


E a continuación o esperado, o gran, o marabilloso, o indescriptible compositor de 85 anos... (en pé e saluden), Chuck Berry! (in the flesh):





    En realidade, St. Louis disfrutámola ao voltar, despois de Chicago, xa que ao día seguinte ao concerto, erguémonos cedo para almorzar, fixemos a colada no noso motel (como se foramos uns americanos calquera) e tiramos cara a cidade do vento. Pero a impresión que nos deu foi que é un sitio moi agradable para a vida universitaria, tranquilo, en xeral, cun parque enorme no centro, realmente grande, e fantástico e un museo modesto no que, no obstante, cabe encontrar xoias coma o Espíritu de San Luís,



ou un dos trebellos favoritos de Lincoln (do que falarei cando cheguemos a Springfield), que ven a ser unha sorte de visor en 3D pretérito e moi divertido de usar que, obviamente, foi patentado e presentado ao público na FEIRA DE ST LOUIS.




A maiores, ten unha sorte de espectáculos musicais moi, moi ampla e, polo que vimos, alí o máis tonto arranxa reloxos, ou o que é o mesmo, o máis tonto toca algún instrumento dun xeito que fai que a maioría de músicos afeccioados que coñezmos parezan mancos. Na rúa principal do Loop hai unha tenda de discos e cds de primeira e segunda man na que podería pasar dous ou tres meses só buscando que mercar (ao final merquei un cd de Led Zeppelin, os vinilos deixeinos para Nova York dada a calor que estabamos a sufrir e sabendo que os pobres non ían ser quen de resistir semellante cantidade de grados sen se estropear dentro do coche), as tendas son todas de deseño, onde abundan as tendencias hippie-fada e os vestidiños dos anos cincuenta, os bares son espectaculares e a comida de gran calidade, a tenda de cómics alberga todos os tópicos e a librería de segunda man un lugar prohibido ao que decidimos non entrar porque nos coñecemos. O ambiente, a xente, polo xeral, interesada nas artes, mozos universitarios a mansalva, e vellos amantes do rock e do blues orbitando ao redor do paseo da fama de St Louis e visitando as súas tendas. A maiores, o Arco que vedes na primeira fotografía que, segundo certa película de ficción, é a porta ao inferno e, segundo a miña experiencia, pode ser que o sexa (109 F son unha chea de graos!). 




    




   

1 comentario:

Cainite dijo...

TE ODIO…(pero con cariño ;)) Joer, lo que daria yo por hacer ese viaje y paladear el blues.