08 marzo 2018

8M-2018 Diario dunha muller 1 - Relatos da mutación para un cambio. Eis o mundo, miña filla. Eis o que temos que mudar...



 

MUTANTXS


Mutei.
Mudei.
De vida, de síntomas, de voz, de horarios de sono, de fame, de prioridades, de medos, de lembranzas, de palabras e actos. Non son a mesma. Son un monstro, un alien, un verme da sociedade.  
Manda nabo!
O nabo, por suposto.
Todo ten que levar ao nabo que non levo entre as pernas. O nabo que nos dirixe, que inxerta, que mestura nos nosos corpos esencias das que namorei e lastras do pasado descoñecido. Células nai engarzadas na raíz da nai, viaxando por autovías húmidas de vida sen ferro para se adherir aos órganos e mutalos, cambialos, mudalos, modificalos á súa imaxe e semellanza. Porén, El tamén tiña un nabo.
Pois para quen quere nabos teño eu ben de nabizas, recona!


Desculpade, a nena chora.
A nena é un mamífero e chora, e eu non a podo deixar soa agora mesmo, perdida nun mundo hostil e desagradable. Chora e vou. Chora e vou malia ser unha nai escravizada, malia estar demasiado pendente da súa querencia polo meu agarimo, malia non poder soportar máis esta falta de intimidade poboada por intrusos familiares. Eu vou.
Sorprenderavos saber que, chegado este punto no que xa non miro as pernas por medo a descubrir varices e tanto me ten comer as tostadas con nivea e untar a face con manteiga ecolóxica, non entendo de onde me saen as forzas para seguir adiante e, confeso que, ás veces, pecho os ollos para descansalos e noto como perdo totalmente o coñecemento, morrendo a un abismo de negrura doce no que non existe absolutamente nada, nin sequera o silencio que abandonou o noso lar porque lle saiu do proverbial e masculino nabo do que antes falabamos. Por iso e porque a nena chora, xa o dixen, ben o sei, xaora a miña mutación entende que, decíndovolo só unha vez, non ides chegar a comprender a gravidade, a magnitude, de semellante acontecemento, logo debería de volo repetir até que nos miolos sentírades a anguria excruciante que o choro arrinca no celme baleiro deste interior meu a sangrar por ela.
Alén do son agudo e discontinuo en grito desesperado por protección e comida, existe o que agora entendo como o Universo do Choro. Un lugar ermo e indómito no que a mutación nos fai caer, esvarando en vertixinoso despegue cara a nosa metamorfose, para esnaquizar os lenes pedazos da cordura nun espello da realidade coñecida. Nese outro lado, a Raíña Branca chora, e nós non somos quen de lle atopar un coello que nos marque o ritmo naquel seu reloxo de peto, albacea de tantas e tantas citas importantes.
Non me credes.
Son as hormonas, dicides, as drogas que xera o teu cerebro e te volven irracional, pasional, visceralmente arisca e posesiva, sobreprotetora. Non me credes.
A nena chora.
Vou por ela, vós quedade se vos prace e botádelle un ollo á normalidade da miña vida.


INFECCIÓN LATENTE
    “Onde están os calcetíns?” Non sei, non sei onde están os calcetíns, estarán no caixón da cómoda, o de arriba, quitaramos as camisolas de alí para facerlle sitio á roupiña da nena. “Os calcetíns?” Non sei, non sei onde están o raio dos calcetíns, non sei… Durme, durme, meu meniño… durme, durme… “Sara!!!”
-Que queres?
-Onde están os calcetíns, xa cho levo preguntado tres veces!
-Xa che dixen que han estar a lavar!
-Non me dixeches nada, é a primeira vez que me contestas!
-Porque estou ocupada co canto de berce, non ves que di meniño e non me aquela ben a rima se canto meniña? Sexismo desde os primeiros días! - A resposta, non semella ser a agardada porque a unidade parental masculina, a do rabo, fica a mirar cara a ela no medio do corredor, descalzo sobre o parqué -a alfombra enrollada leva tres días na entrada á espera de que algunha capacidade máxica a traslade á tintorería e alí lle limpen o vómito de lactante, que deixa sempre un penetrante arrecendo a queixo do país- e fica indolente agardando a chegada dunha carroza máxica portadora de calcetíns emparellados en leito de churrasquiño en salsa brava, que xa fai tempo que nesta casa non se come como é debido.
-Sara, déixate de andrómenas que vou chegar tarde outra vez e teño un sono que non vexas!
-Leva os de onte, non se vai decatar ninguèn. Eu teño que durmir á nena.
-Joder, Sara, por chorar un anaco non lle vai pasar nada, búscame uns calcetíns!
           Non o vedes, non si? Son as hormonas.  O canto de serea de animal ferido fora do seu entorno natural que ten que adaptarse ao novo medio. Mellorará se deixas que mellore, aconsellades. Opinades, dicides, sentenciades, vendedes exvotos das vosas fallidas lembranzas e menciñas milagreiras feitas de mexo rancio doutra época, unha con màis tempo para o exercicio onanísta da liberdade absoluta do dominio temporal.
           Non, non se entende, e pasan os días sin calcetíns e con caldo frío, días sen noite cheos de escuridade, paralizado o acto polas luces do vehículo da experiencia a nos petrificar na estrada inestable, comarcal probablemente, da nosa condición de pais, presta a pasarnos por riba, atropello e fuga, en rescate de perigos acubillados nas tetas secas e nos outeiros de roupa por lavar. “Vai dar unha volta, levas moito na casa”.  Suxerides.
           No meu pasado, antes da mutación, camiñaba as rúas cabilando no futuro, agora é o corpo o que rastrexa camiños familares e queda o siso no pasado do fogar, ancorado á posibilidade de que a mamífera esperte, enganchado no seu subconsciente todos os sons das réplicas semellantes que babexan, gatuxan, arrefrían, cantan, gorgorexan, tatexan e saloucan naquela rúa, outrora amiga, agora abismo insalvable da condición da dor pantasma dunha falta que tal non é, que é omisión, e nen sequera pola miña culpa. O mundo ábrese gris marengo en col de negro wengué e eu pregúntome se realmente paga a pena manifestar os pequenos cambios que noto, xa desde agora, en min, porque eu, o único que de verdade, de verdade quero é unha ducha…
-Sara, vaste duchar?
-Vou.
-Quedo eu coa nena?
-Quedas.
-E se ten fame?
-Acaba de comer e está durmindo, só queda con ela por se esperta, levo maís dunha semana sen lavar o pelo!
-A verdade é que xa cho ía comentar, que vale que andamos a cen pero ultimamente non te coidas nada…
           Establécese, daquela, unha singular dialéctica no coidado co que unha porta de madeira encaixa de xeito imperfecto no marco, agarimado o pecho coa man que convulsiona saloucos e o alento que esfamea engulindo xigantescas culleradas de raiba concentrada e marinada nesa xenreira podre e corrosiva da inutil autocompaixón. Un treme, o outro cala. Un aperta, o outro afoga. Un esvara amolecendo cara o chan e o outro acada o cúmio agudo do único chio, acorde menor, fuxindo entre dentes, morrendo entre beizos.
-Sara… Estás ben?
-...
-Sara? Abre a porta.
-Voume duchar. Deixa. Vai onda a nena, que chora.

SÍNTOMAS
Se puidera cuantificar a mutación, empezaría describindo os primeiros síntomas. Alén do non ver o mundo, alén do se sentir perdida e incomprendida nunha sociedade que actúa como se te temera e odiara, tería que falar da, a falta dun mellor nome, super-resistencia.
Despois da incubación do xen mutáxeno, o corpo experimenta melloras imperceptibles no exterior, froito da metabolización de graxas, azucres e chocolate en cursiños avanzados de disciplina ninja-oriental, pero de consecuencias dramáticas no iterior. Daquela, o suxeito mutante é quen de se enforntar aos desafíos máis incribles amosando unha fortaleza e constancia digna dun heroe da Antiga Grecia, salvando, por suposto, as sutis deferenzas de xénero recollidas na Mitoloxía. Máis aló das doce probas, a xornada dun novo mutante recolle tarefas nas que a súa forza física e mental se pon constantemente en entredito. A extenuación non é unha opción, é a verba partida que xace na boca e no pulso dos febles de espíritu. A mutante é un samurai, é un gladiador, é a valkiria dos cueiros...
Desculpade de novo, a nena chora.
-Sara, descansa algo muller -sentencia a unidade parental, cega, malios catro meses de convivencia nas alarmas de bombardeo e os pequenos desastres que anoxan e incomodan aos lares penates-.
-Non podo, teño que pór a lavadora, tender a roupa, recoller a que está no tendal, separar a da prancha, gardar a boa, mercar comida no super, ir á famacia, arranxar a domiciliación do recibo da luz, facerlle a merenda á nena, chamar ao fontaneiro, sacar algo do conxelador, limpar a cociñ,. baixar o lixo e chamar a túa nai.
A enumeración mecánica, ás veces, non é o mellor xeito de evasión. O mar afógaa nesa súbita comprensión de quen moito quere facer e non ten tempo, e o mar non se pode conter, nen nunha enorme cunca, logo o mar desborda o seu interior e lava con sal e agarimo a fraqueza de se ver náufraga nun fogar con todas as comodidades e con tan poucas saídas.
-Sara, non… ven mulleriña, ven. Non o podes facer todo, pide axuda.
-A quen?
-A min, á túa nai, á miña. A quen vai ser?
-Xa o fago, non o vedes? Non o queredes ver?
-Deixa, deixa, acouga. Non te preocupes, imos chamar que veñan uns días axudar coa nena e xa vas ver como todo vai ir ben.
-Non! -xurde a mutante fera, inxectados os ollos en sangue, presta a heroína á ballata polo infante-. A min non me sobra a nena! A min sóbrame o mundo!
    Mais o mundo non entende, e concedemos, claudicamos, concedemos e cedemos sen fin, neste primeiro estadío do cambio, tecendo un capullo da fortaleza que non sobra para que nos guíe na metamorfose.


POSOLOXÍA
"... Polo anteriormente citado, solicito:
                       1.- Que me sexa concedido o permiso de lactancia dacordo co convenio correspondente á miña labor profesional.
                       2.- Que dito permiso comece a continuación do período de permiso laboral por maternidade co gallo de que a miña filla poda medrar en mellores condicións".

CONTRAINDICACIÓNS
A nena queda nun ermo de familiaridade, saíndo o mutante cara a luz do día. Ecoan as verbas acusatorias da nai “non pediras a lactancia, para que che facía falta? Agora ben ves de que che serviu, sen traballo e cunha filla! Xa che dixen que tiñas que calar, que tiñas que serlles fiel, que comer da súa man. Coma na escola, filla, coma na escola, eles son os que teñen a tixola polo mango e ti tes que sorrir e facerlles ver que estás disposta a todo. Agora xa levaches nos fuciños, non es imprescindible, eles mandan e ti quedas na casa a lactancia e tantos meses máis coma che faga falla”.
Non era precisa a liberdade, chegaba ben cunha redución de xornada, traballar só pola mañán, só pola tarde, só pola noite incluso se poder. “Déixate de tonterías, Sara, na guardería están estupendamente” dixera a tía Alicia, casada cun próspero construtor de pesadelos nos que ouvir as desgracias alleas a altas horas da mañá. Un inversor, un home de negocios que soubo dárlle á súa muller un minúsculo recuncho no que elevar a arte as sutilezas da fala das comadres engarzadas a palillar fíos brancos que vender aos turistas, ou aos detallistas da terra que queren ter unha lembranza do que fixeran as avoas con cariño noutrora e hoxe tecían, parcas de mal sentido con desgana, “non pensarás que por estar con ela máis tempo che vair querer máis, ou que cho vai agradecer cando medre. Nin pensalo! Ti déixaa canto antes e fai a túa vida que eles logo medran, vanse e de ti nin se lembran”. A nena queda no ermo, con outros nenos, colleitando xoguetes ermos, resecos, creando lazos, aprendendo a subsistir no salvaxismo social so guía de selección rosa de xoguetes brandos en col da ausencia de realismo e autoestima. Porén, nós saímos á rúa, a falda axustada a estes kilos que seguen arraigados nos ósos do van, a chaqueta sen pechar, que xa non dá, e a blusa a reventar de pulsión materna, cuberta co cartafol repleto de títulos, certificados e boas recomendacións, para chamar en saliñas de xuntas ateigadas de criaturas imposibles coma nos, e gorentosos candidatos de nabo entre as pernas e cargas familiares nulas ou apenas desenvolvidas malia o paso dos anos.
-Impresionante currículo, dona Sara.
-Grazas.
-Vexo que na última empresa na que traballou estaba vostede moi ben valorada.
-Pois si, estábao.
-E podo preguntar a causa de que deixara de traballar para eles?
Pode, e eu podería dicirlle que os moi cabróns me fixeron firmar un papel en branco, parva de min, coma condición para me daren o permiso de lactancia, e tamén que ese papeliño tan xeitoso resultou ser o finiquito.
-Por motivos persoais... de crecemento persoal, precisaba mellorar a miña capacitación para o traballo e coidei que a formación requería dunha cantidade de tempo extra da que non dispuña dándoo todo, como o daba, polo meu traballo.
-Está casada?
-Non.
-E está interesada en ter familia?
-Esa pregunta, é constitucional?
-O que?
-Que se ma pode facer nunha entrevista. Mire, eu xa veño farta de tanta condescendencia, se non me quere contratar non me contrate pero non me poña por escusiña, coma os outros, que si unha muller que quere ser nai perde moito de traballar polos médicos, que si os pais non rendimos porque sempre temos que “saír antes” para ir buscar aos cativos, que si os rapaces se poñen enfermos e facemos de non vir cumprir coa nosa obriga por quedar con eles e non pagar a quen os coide… Despreocúpese da miña vida persoal e mire para quen son coma profesional que a miña casa xa  atendo eu!
Outra entrevista fallida. A nena ri, ven correndo desde o espazo ermo e bótame os brazos arredor do pescozo. Mañá será outro día.


EFECTOS SECUNDARIOS
A vella ten un aire a aquelas estrelas do cine de Hollywood que botaban no televexo o sábado pola tarde. Precisamos os cartos. Comida, cremas, cueiros, educación, nada a bo prezo. Precisamos os cartos, a merda dos cartos.
Polo día ten a unha moza de Guatemala, Yamira, pero ela, a vella, Dona Amparito, chámalle María, tanto lle ten o nome da rapaza, ela paga, logo ela chama. Pola noite, de oito a seis, estou eu. Cea, novela e cama. Ás cinco desperta e quere o almorzo e unha ducha.  As horas na escuridade pasan voando por mor de poder deitar a orella e mergullar o siso nas terras de oniria reservadas á mocidade.
-Sara, traéme os lentes.
-Sí, señora Amparito.
 A vella, feita un pincel, lé o ABC a diario e pídeme que lle faga a manicura unha vez á semana.
-Non sabedes facer nada.
-Que pasou, señora Amparito?
-As mulleres de agora, non sabedes facer nada. Parece que nunca te pintaras as unllas.
-A verdade é que non me gusta nada, sabe?
A vella frea no ar o impulso automático da labazada inexpugnable cara quen lle pode levar a contraria. Eu pecho os ollos. Os cartos, precisamos os cartos.
Trémelle a vontade o me ver coa forza de aguantar e baixa a man ao colo, contrastando o sangue lacado na punta dos dedos coa saia de tweed de Harrods sobre os seus xeonllos reumáticos e gastados de tanto se reclinar para a oración.
-Non deixes que ninguén che dé unha hostia, nena.
-Pero...
-Nin pero nin nada! -Doña Amparito agroma un atisbo de humanidade dun suspiro cómplice de femia xa mutada- Nin meu. Nin de ninguén. Eu xa batín a gusto en mozas cando era mestra e, para que? Para que agora esteades así, sen espíritu? Eu non lles ensinei a seren febles, sumisas, caladas... E fórono. E sódelo.
-Non entendo...
-Claro que non entendes, non... Que queres para a túa filla? Esto?
-Non.
-Pois pensa un pouquiño, e actúa, cona!


DIAGNOSE CRÓNICA         
Xa está ben. Todo fora, todo este verquido tóxico que afoga, que nega, que nos convirte en escravos de ideas prefabricadas por unha hexemonía anti-mutante.
-Trae para aquí, nena, mira, a Barbie, é bombeira. Isto é un camión, mira de cambiarlle a roda. E despois pon o chuvasqueiro que imos enzoufar o baño co barco pirata.
-Sara, non fas a cea?
-Non. Paso.
-E logo?
-Xa aprendín a ser nai, agora vou facer o que me deciades sempre. Vou durmir cando durma ela, comer cando coma ela, xogar cando xoga ela e pranchar cando ela pranche. Logo vaite facendo á idea de que precisas un cursiño avanzado. E, por certo, merca laranxas que mañá voulle explicar o do hemisferio sur e o do norte con pinturas.
-E se pinta a parede?
-Pois tamén era boa idea, vai facendo un oquiño para pintar e esquece o do fútbol cos amigos, polo que poida pasar, que eu non teño tempo para iso.

Mutei.
Dígoo con orgullo.
Son un mutante. UNHA MUTANTE. Son o xen doble X. Son unha Superwoman, a Muller Nabiza, a Muller Marabilla.
É a nosa era, beibis.
A das mutantes, e a das beibis conechas.



No hay comentarios: