Seica vai ser o día da nai este domingo.
Eu, agora que son nai, tamén entendo que as cousas cambian. Por exemplo...
Cando eu era nena, no día da nai agasallábase unha flor feita de macarróns e no do pai un "borralleiro" feito de arxila. Pero agora xa ninguén fuma e os macarróns teñen moitos carbohidratos, logo sería un despropósito atentar con semexante afrenta ao día a día da mesa dunha familia normal.
No meu caso, normal e galega.
Coido que hai máis familias galegas que a miña, incluso, aventuraríame a dicir, hai máis familias que falan en galego que a miña, malia non viviren en Galicia.
Total, que como os agasallos neutros son moito mellores, eu recomendo, en toda ocasión agasallar libros. Teñen un alto contido en fibra (por se alguén os quere deglutir, e ademais no almorzo en leite quente saben igualiños que un Wheatabix), adornan (se alguén os emprega para parecer culto hai unha ampla selección de títulos que todos deberiamos ter (lido), calzan unha mesa en caso de necesidade e tamén se poden ler. Ás veces esta última habilidade do ente literario é a menos valorada, pero recoñécese que sirven para ese propósito porque todos, en xeral, cando vemos a peli suxerimos que sería moito mellor ter lido o libro. Se só tiveramos tempo de ler un libro! Coa de horas que pasamos mirando para o whatsapp (incluso para asegurarnos de que efectivamente non vai, que non funciona).
E cos libros, unha divaga, porque para min os libros son máis que páxinas, máis que palabras. Non moitos o entenden, pero os que o entenden saben moi, moi ben do que falo. Son paixón.
Así que, cando alguén dubida que agasallarme, mércame libros. Algo que ata miña nai acabou aprendendo co tempo. Pechado o manifesto que deixa claro que para o día da nai, se alguén quere facerme un borralleiro o tomarei encantada pero que prefiro un libro, paso a falar das recomendacións das grandes superficies para as nais...
Velaí, todas en castelán agás María Solar. Grazas mundo. Que está moi ben, que a min María Solar moito me gusta, pero... vendo o que ofertan (e deixei de tirar fotos porque empezaban a mirarme mal pero non puiden evitar ver que na mesa de novela negra non había cartaz de "día de la madre" e aínda me quedaba unha amplísima selección de libros de cociña e coidado de plantas e xardíns) unha acaba preguntándose se non porían o de María Solar alí porque ten un neno na portada.... un orfo! E iso...iso a unha nai... chégalle!
E que sei eu? Que me gustaría vivir en galego en máis dunha faceta da miña vida. Que me gustaría crer que hai historias en galego que non teñen por que estar escritas especificamente para nais. Que cousas!
Que sei eu de nais?
Sei que cando temos medo pensamos na nai.
Sei que cando caemos pensamos na nai.
Sei que cando pensamos nas palabras que máis repetimos na nosa vida, polo menos no meu caso, adoitan ser "mamá, joder!"
Que todos temos unha historia na que a nosa nai fixo algo impresionante para que nós puideramos ser adolescentes un pouquiño máis parvos...
Que cando todo eso se xunta, e o mundo perde as cores... pensamos na nosa nai... e falámoslle en galego.
Como cando estamos no hospital.
De verdade, crédeme.
Se queredes pasar por un centro normalizador da língua, entrade a un hospital. No medo a morrer, falamos en galego, sentimos en galego.
Pero non podemos ler literatura "normal" en galego, hai moitas opcións en castelán para escoller un libro que agasallar... Non hai unha triste mesa en galego.
Será que non hai libros en galego para encher unha mesa.
Será...
Por se hai, e queredes mercarlle algún a algunha nai invítovos a romper os esquemas das grandes cadeas comerciais e a investigardes se as vosas librerías de habituais teñen libros en galego.
Podedes, incluso, preguntarlle aos libreiros e libreiras se vos recomendan un libro en galego para agasallar á vosa nai. E cando pregunten como é a vosa nai... sede vos, e pensade en como é a vosa nai e non neses momentos de "joder, mamá!" tan habituais.
Incluso, se tedes tempo, podedes deixar por aquí algunha recomendación. Se estades a ler esto en facebook tedes etiquetadas algunhas librerías da comarca que é posible se fagan eco das vosas recomendacións e querencias.
Porque o galego é a miña língua nai. E xa queda todo dito.
No hay comentarios:
Publicar un comentario