23 junio 2011

Artigos sen son

 
Sempre pasa igual pero eso non quita que, ano tras ano, veña de me sorprender cando os meus pensamentos vagan polos incertos mares do futuro. Sendo galega as miñas racíes lévanme a pensar no Atlántico, frío e temperamental como é ese noso mar que ha ser unha muller polos seus ciumes e devaneos, un mar que non descubres de verdade ata chegar á outra beira, onda bica os dorsais dun amante americano que me axudou a entender a verdadeira esencia de Wilco.

E, como o Atlántico, derivo.
O caso é que, chegado Xuño, éntrame un non sei que que que sei eu de ansias de autoanálise que non fan máis que lembrarme eses momentos de fin de ano, nos que miras cara a atrás e ponderas o que levas pasado. Será que, coma sempre, eu ando a medir o tempo en anos escolares e, de feito, Xuño, para min, leva sempre a palabra “fin” atada a el; ou poida que sexa a vil influenza das fins de tempradas das series de inverno que veñen de me alterar o subconsciente e alporizar o “eu”. Sexa como for, nestes días penso no pasado e no que terá que pasar e, de tanto cabilar, levo estas meditacións ao meu subconsciente e artello sonos de alegorías obvias.
Dun tempo a esta parte, un dos meus soños recurrentes ten coma personaxe principal o meu coche. É un coche grande e, no tempo de Morfeo, nada doado de manexar. Por sorte, coa entrega da tese, xa quedaron atrás os episodios de histeria colectiva (colectiva porque afectaba por igual ás miñas múltiples personalidades) nas que, pese a ser consciente da miña capacidade de conducción, ese coche ía para atrás, costa abaixo e sen que eu fora quen de facer nada.
Doutra volta, naqueles días nos que me debatía entre voltar á Galiza ou facer de obter ese traballo en Bruxelas que sabía que era meu, soñaba cun pai morto que viña a se ofrecer a conducir o coche. E claro, eu aceptaba encantada. Pode que lles resulte extraño que mencione a miaxe dos finados pero, compréndanme, que eles deixaran o mundo material non quere dicir que non vaguen polas terras oníricas, e moitas veces discuto con eles como facía no pasado.
Aínda outra variante aparece agora moi de cotío, na que, de novo costa abaixo pero desta volta de frente e de xeito milagroso, sonche quen de controlar a esa besta de metal sen freos que ruxe baixo os meus pés. Nen que dicir ten que, atarecida de medo, esperto enchoupada en suor no leito conxugal.
Nesta ocasión hai dúas figuras máis no meu soño, un home e unha muller. Os tres temos que chegar ao mesmo destino e eles non calan, non calan e non calan. Pasa o tempo nunha leira de belidos xardíns de carballos e verde celta (non me pregunten que é o verde celnta, no meu soño é verde celta e punto, será unha resaca de ter lido fai pouco “As sete mortes”) e eles non deixan nunca de parolar namentres eu fito cara eles sen que me dean nen voz nen voto. Claro, esta situación fastidia os meus plans e eu aprémioos a entraren no meu turismo, os dous atrás, comoa que eu for a un taxista. Miro cara adiante, cara a estrada, e empezo a dar macha atrás para maniobrar e sair sen problemas desa leira sombría pero viva, enmurada con altas laxas de granito. Como moitas veces nos soños, a velocidade multiplícase e as miñas mans viran o volante con firmeza pero temendo o inevitable choque contra un carballo. De xeito inexplicable salvo todos os accidentes do camiño, aplaudida polos meus pasaxeiros. Agora a porta de pedra está máis lonxe, pero estamos enfilados cara a ela e, de súpeto, síntome co control.

No hay comentarios: