09 julio 2012

Cadros enxebres I

Veño de estar coa miña nai. Non sei que lle pasa aos que entran na terceira idade (mellor dito, ben o sei, ou creo sabelo pero prefiro ignoralo) pero a todos lles está a dar unha gana tola de voltar ao campo. Agora que a nosa aldea, a da miña nai, xa que a aldea dos pais do meu pai sempre foi considerada pola miña mente coma un niño de víboras das que era mellor evitar, acubilla a máis gatos que xente, os poucos que quedan por alí, deron en pór cartos para a creación dunha destas casas de xuntanzas, ou locais sociais, que tan de moda están pola vilas, obviamente, co gallo de festexar paparotas épicas nas que falar dos bos tempos pasados e as incertezas do futuro ao redor dun bo prato de polbo ou de carne o caldeiro (todo moi loable).

Froito dunha destas xuntanzas veño de escoitar un relato verdadeiramente enxebre, una viñeta da nosa identidade coma pais, escoitade, escoitade (ou lede, segundo vexades...)



Cando eu era pequena xa coñecía a Morocha e Balbina, eran dúas vellas da aldea amigas da miña avoa. Vellas ou, moi vellas, non sei se serían porque, como poderedes entender, cando se teñen cinco anos, todo o resto do mundo naceu, aproximadamente, coa chegada dos dinosauros e só existen dous tipos de idade para os adultos- idade pai, e vello, vello vello.  Morocha e Balbina, eran irmás, eso entendíao á perfección, e, entre as dúas, tiñan tres fillas. Aquí empezba a haber certa confusión que só parecían entender os maiores, de calquera idade, pero que podíamos aceptar sen nengún problema. Pola súa banda, cadansúa filla tiña algún retoño. Recapitulando, na casa de Morocha e Balbina había, no verán, moitos nenos, uns viñan de Madrid e falaban dun xeito ben pretencioso, outros viñan de Ourense e falaban ben pero eran bastante marisabidillos e tamén había tres nais. O problema de identificar cada nai con cada fillo caía fora das miñas posibilidades e, como non, o máis dificil todavía de identificar cada neto con cadansúa avoa semellaba ciencia ficción. Total que dúas irmás, tres fillas, tres xenros, uns cantos netos e ningún avó. Raro, pero posible.

Sendo xa unha familia que moito daba que falar nunha pequena aldea do norte de Ourense, Morocha e Balbina eran dúas irmás de armas tomar, de feito, estaban toooooooooodo o día a discutir. Balbina tiña dúas vacas e Morocha era máis de ter unhas cantas ovelliñas, Morocha gustaba da xente, de falar con ela, de crear vínculos coa comunidade e Balbina,  máis afeita a levar o peso dos traballos do home da casa, era tan agradable coma os toxos dos que tanto gustaba rozar. Morocha pasaba amplas tempadas de solaz en Madrid, coa súa filla, e Balbina pasaba as fins de semanas a discutir coa súa, que sempre viña a vela aínda que, segundo a súa nai, nunca fixera nada ben.

Co tempo, e coas longas explicacións da miña nai, empecei a entendelas e a comprender o entramado do núcleo familiar. Morocha estivera casada, tivera unha filla primoxénita e, durante o embarazo da segunda, morréralle o marido. Balbina non, Balbina tivera unha nena de solteira e, en viuvando a súa irmá, acolléraa de novo na casa. Do pai da criatura de Balbina nunca na aldea se chegou a falar, en parte por respeto e en parte (en maior parte) polo medo suscitado pola muller, menuda e delgada, que adoitaba levar a fouce a onde quixera que fose.

E pasou o tempo. Pasou tanto tempo que agora xa son realmente vellas, e siguen a vivir xuntas, compartindo as penurias e as alegrías da paga que lles chegou, tras moito sacrificio, froito daquela cruz que era pagar "a agraria". Paga que fixo posible que remodelaran a cociña, as habitacións, a balaustrada do balcón que estaba caendo... Malia todo, con todos os cambios que viron os seus ollos da cor do centeo, hai unha cousa que nunca, xamais, deixaron de facer: discutir. Discutían por todo e durante anos e anos seguiron discutindo. Viven discutindo, incapaces de compartir o mesmo espazo de tempo por máis dun par de minutos, incapaces de chegar a un acordo de mínimos, a unha paz forzada que harmonice a súa casa. Nestas discusións, a miúdo, vese envolta moita xente e, a máis recente, unha desas fillas misteriosas que xa non sabemos moi ben a quen pertence. Ao non poder identificala coa súa nai, chamémoslle Esperanza.

Esperanza é un nome ficiticio, obviamente non ten moita xa que a súa situación é unha desfeita. Tal e como se ve, soa, abandoada polo que foi o seu marido e case tan vella coma a súa nai, resolve ir pasar uns días á aldea, amparada na idea de que estas xuntanzas dos que antes compartiran a escola da parroquia, lle ha mellorar o ánimo. E así, logo dunha boa paparota, a clase do 72 sae a pasear polas leiras, a mirar para os marcos, a rir rememorando a historias que lles roubaran aos vellos emigrantes cando retornaban de Francia, Alemaña ou Arxentina. Por alí van, rindo, non querendo mirar cara os lameiros conqueridos pola xesta, cando un deles mira para Esperanza e dí:
-Esperanza, ese eido non é de túa nai?
-É.
-E logo, como lle tedes sementado mitade de millo e mitade de patacas?
Esperanza suspira, se eles souberan a bomba atómica que detona todos os días na súa casa!
-Por que che parece, ho? A metade son patacas, porque son as patacas de Balbina, e a outra millo, porque é o millo de Morocha. Están tan mal da cabeza, que até na colleita teñen que separar que é dunha irmá e que é da outra.
-Home, tanto non será.
-Ai non? Sabes o Regueiro?
-Sei
-Pois no Regueiro a metade ten as patacas de Morocha e a outra metade o millo de Balbina.
-Válgame Deus!
-Pero a cousa non queda aquí, non! Son tan incapaces de se entender que agora téñeno todo divido, até na casa: as patacas, o millo, o leite, os tomates... A última neura é que comen en cociñas distintas!
-Como cociñas distintas?
-Pois si, a miña nai fixo facer unha cociña nova onda o seu cuarto e cada unha comen en cadansúa cociña, miña tía na de sempre, e miña nai na súa. O outro día fixen a cea na cociña de miña nai e díxenlle á miña tía, tía, veña comer que xa está a comida na mesa!
-E ela foi comer?
-Que va! Veu, colleu o seu plato e dixo "eu vou comer á miña cociña!" e alí se foi co xantar, deixándonos a nos as dúas soas na da miña nai.
-Pois vaia leria! E como fas para coller o que é dunha e o que é da outra?
-Eso é o peor, cando vas coller algo que precises, patacas, por exemplo, dislles: mamá, de que patacas collo, das túas ou das da tía?
-E ela que che di.
-Que che vai dicir? "Colle das que queiras que total é o mismo!" Están a me volver tola!

3 comentarios:

roberto a. rodrigues dijo...

Mira ti que coincidencia que a min tamén me encanta rozarme cos toxos. A todo isto, moi boa entrada

Xosé Duncan dijo...

É incrible como, cos anos, as manías e a dependencia ocupan o espazo que deixan libres as miñas neuronas. Son moi, moi curiosos os casos de xente que non se soporta (que incluso se odian) e que, sen embargo, continúan xuntas por motivos diversos e estraños. Pero, tal e como plasmas, o ser humano e maniático, estraño e, eu diría, retorcido. Coincido con Roberto, Ana, moi boa entrada. Da gusto ler este pequeno curruncho teu.

AnnaRaven dijo...

Grazas polos vosos comentarios e os vosos ánimos, rapaces. :)
O que dá gusto de verdade e ter este entramado galego-estraño que nos mantén tan unidos e nos aleda os días de morriña :)