07 enero 2013
Eu escribo...
Eu escribo porque odio escribir.
Vouno dicir de novo, é máis, vou deixar que a tinta que me esvara polas veas latexe na xema dos meus dedos e manque a pel curtida de anos entre liñas, para deixar constancia de que escribo porque odio escribir.
A escrita mírame; cheira a celuloide seco doutro tempo, a nitrato de prata capturando o sorriso dos soños prestados que unha voz, allea á miña vontade, desgrana no meu maxían cando eu non quero. Cando ando, cando miro desaparecer o mundo nas vías do tren, cando sinto a calor das verbas de descoñecidos cercanos aloumiñándome o ventre.
Mírame a escrita, cárcer frío e seco da fala do que pode ser e, por un instate xeado no azul dun boli bic, é e será.
Mírame, e alza o queixo, digna, desafiante.
-Ódiasme? -Di.
E eu, galán subido en alzas doutros nomes, pecho os ollos e o puño e busco ser a sombra de Sam Spades ao lle respostar...
-Ódiote.
E como non podería ser doutro xeito, apértoa entre os meus brazos e bícoa coa sede dun amor prohibido e desesperado, sucumbindo á súa voz e á súa vontade.
-Ódiote, ódiote desesperadamente
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario