Este blogue de meu, o persoal, ven de ser nomeado
para este curioso, sentimental e virtual galardón que tenta premiar
simbolicamente a eses blogues que consultamos diariamente, dun xeito
egoísta, para acadar informacións, opinións, cultura, ideas ou, cando
menos, visións diferentes e enriquecedoras que enchan con algo especial
os nosos paseos pola web.
Este premio é un recoñecemento
que se fai entre blogueiros e está especialmente pensado para facer máis
visibles os blogues e axudalos a acadar un pouco máis de popularidade.
Así que, cando un blogue é nomeado, o autor deberá facer o seguinte:
-Nomear e agradecer o premio á persoa/blogue que lle concedeu a mención.
-Facerse seguidor, dalgunha maneira, do blogue.
-Responder ás 11 preguntas que se lle fai.
-Conceder o premio a 11 blogues que lle gusten, acaben de comezar, que teñan poucos seguidores…
-Facer 11 novas preguntas aos que premie.
-Informar do premio a cada un deses blogues.
Empecemos, logo, polo principio. A persoa da que recibín o honor deste agasallo tan agarimoso é o señor Duncan O Corvo. Coñecín a Duncan a través dun relato apaixoante no número un de Contos Estranos e, desde aquel momento, convertinme en fan incondicional. Agora mesmo, a maiores dos relatos en Contos, ten unha novela fantástica, de fantasía, que compartir con todos nós, pero podedes atopar moita información sobre el e desfrutar das súas letras a traverso do seu blogue persoal: O ollo do corvo.
O de facerse seguidor chega un pouco tarde, porque lévoo facendo desde fai moito, moito, tempo. Cousas do "parlamento dos corvos" que nos une.
En canto ás once preguntas que fai o que nos otorga este galardón, procedo a contestar, na medida do posible, ás de Duncan:
1ª – Cal foi a primeira entrada do teu blogue?
A verdade é que este blogue naceu coma un espello do meu blogue orixinal e persoal, agora abandoado en prol deste, por razóns tan estúpidas como complicado é o ser humano. Ese blogue, linkado na barra da dereita, foi o meu primeiro intento de seguir en contacto cos meus amigos da península namentres pasaba un dos mellores anos da miña vida en Sheffield, como estudante de Erasmus. Aínda que non lembre cal foi o primeiro post, supoño que sería unha presentación dos nervos, a alegría e a excitación de empezar unha nova aventura dentro da física e da universidade.
2ª – Que era o que te motivaba cando o creastes? Lograstes o teu obxectivo?
A miña motivación foi manter o contacto cos meus amigos, narrar as miñas experiencias nese novo entorno e ampliar os meus coñecementos de apaixoados da escritura e do cómic, daquela os blogues estaban moi de moda e empregábanse, coido, de xeito moito máis consecuente que agora mesmo, ao non ser tan famosas as redes sociais. Coido que si que conseguín o meu obxetivo, de aí que decidira continuar con el e que lle teña certa manía a pensar que debería deixalo, aínda que xa levo moito tempo sen sacar unha continuidade con este que estades a ler.
3ª – Só publicas cousas que te gustan ou algunha vez escribistes algo que non te apetecía demasiado?
Sempre publico algo que me apetece dicir, aínda que o que estea a publicar, no seu contido ou na súa forma, pode que non me guste demasiado, pero sempre me apetece dicilo, alomenos no momento da súa publicación.
4ª – Segues algún blogue ou a túa única visita é ao teu?
Sego moitos blogues, a maioría están linkados no meu pero, hai moitos outros aos que chego a través do blogue de Marina Anobado, que o ten moito máis xeitoso e organizadiño que o meu.
5ª – Que cres que lle aportas á xente que te le?
Non teño pretensións de lle aportar a xente nada máis que un ratiño entretido!
6ª – Planeas algún cambio no seu deseño/estrutura ou estás conforme co que ten?
Non estou nada conforme, coido que o blogue precisa un cambio de cara, de forma, de plantexamento... pero aínda estou na procura dese cambio. Normalmente as vacacións e o verán adoitan para me inspirar neste senso.
7ª – Preocúpate o que os teus visitantes poidan pensar ou escribes no blogue máis para ti que para eles?
Non, para nada. Poucos dos meus pensamentos profundos acaban no blogue, de todos modos.
8ª – Cal é a entrada á que máis cariño lle tés?
Esta é dificilísima, pero coido que, na versión antiga, sería a de "o gato azul" e nesta nova a crítica do libro e Pedro Feijoo, pola felicidade que trouxo esa troula miña de falar sen pensar do que vira nun libro que me apaixoou desde o principio.
9ª – Se algún día tiveras que deixar de escribir no blogue, con que te gustaría despedirte?
Cun final aberto e un bico de semicorcheas.
10ª – Tés só o blogue que mencionamos aquí ou levas varios á vez? Por que?
Levo varios á vez, pero non coa mesma conta. A razón é que os outros están vencellados ao meu traballo e este é o meu único (con espello) blogue persoal.
11ª – Que te animou a continuar esta cadea, seleccionando os teus favoritos e contestando a estas preguntas?
Gústanme os blogues, téñolles moito cariño e gústame descubrir novos eidos de lectura ademais de promocionar, un pouquiño se cabe, aqueles que son os meus favoritos, para que os demais tamén podan descubrilos e, se lles gusta o que ven, quedar con eles e facelos parte da súa comunidade. Tamén porque Duncan é un destes amigos virtuais que teñen moi boas ideas e ao que respeto moitísimo, polo que teño que valorar o tempo que nos adica e contestarlle coa mesma delicadeza.
E velaquí os meus blogues premiados:
-O primeiro, como non, vai para Camiño longo, pola súa enerxía, pola calidade e a tenrura das súas entradas e, porque aínda que non tivera blogue, son fan.
-O segundo para Un ollo de vidro, polo coidado e agarimo nas críticas súas de banda deseñada, moi instructivas sempre.
-O terceiro para La menor intención, porque sempre é 4 de Abril :D, e porque está moi ben que, por unha vez, leamos algo que non fale de Xapón, América, ou o mesmo estado que pisamos.
-O cuarto para... vaia, o cuarto será o primeiro que non podo dar, a maioría dos blogs que admiro xa foron nominados por Duncan e voltar aos meter no saco sería un pouco controvertido para eles, así que, coas miñas desculpas, deixareino aquí, tres seleccións das máis selectas, supoño que, dalgún xeito, indicaría que preciso buscar máis alfaias en blogs de xente e deixar de navegar polos blogues máis comerciais ou "industrializados". Apuntareime o tanto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario