Mostrando entradas con la etiqueta Antón Taboada. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Antón Taboada. Mostrar todas las entradas

29 diciembre 2012

Vilachoiva (parte I)

1. Chovía, coma sempre en Santiago. Gotiña a gotiña o ceo ía
desfacéndose para caer sobre as pedras da rúa. Goldric, aos
seus 4 anos, cavilaba se as gotas serían anacos de anxos ou
de estrelas caendo e caendo sen fin.





2.- A súa irmá, Helena, cunha H, era moito máis vella e alta ca
el. Ela era maior. Adoitaba pasar o día escoitando música,
algo que non tiña sentido para el, pero de vez en cando,
Goldric podía ver notas que lle gustaban saíndolle das
orellas. Especialmente Do sostido e Re menor.


3.- De todos os xeitos, o que a el lle importaba era se a choiva
viña doutro mundo, así que foi á saliña de estar, onde o seu
pai andaba a arranxar un ordenador.
-Pai –díxolle- De onde vén a choiva?
-Goldric, pásame o desparafusador, anda.
E Goldric pasoulle un desparafusador amarelo. O seu pai
usouno para algo moi estúpido: parafusar un parafuso do
ordenador! Nen sequera pensou en usalo coma se fose un
revólver do Oeste!



4.- Goldric agardou. Agardou polo menos un cento de anos.
Mentres o facía puido ver o mundo converterse nun anaco
de xeo, e como todas as especies vellas desaparecían, dando
lugar a gatogartos, bolbocegos, porcoellos, baleosos e
cangüinos.
Pero o seu pai seguía a arranxar o computador.

5.--Pai!- dixo Goldric de novo mentres o seu pai cantaruxaba
e asubiaba e murmuraba e rosmaba palabras prohibidas no
canto de loitar a brazo partido cunha peza electrónica.
-Que? Goldric, asustáchesme! Que queres?
-Quero saber de onde vén a choiva.